CONCERTOS NO CIRCO DE ARTESÁNS 2024
Sábado 16 de marzo as 19:30 horas
Patricia Rodríguez Rico, soprano
Daniel Leiro Castro, piano
Entrada libre ata completar aforo
PATRICIA RODRIGUEZ RICO, SOPRANO
Nacida en Ferrol, é Titulada Profesional de Piano e Titulada Superior de Canto. Comezou os seus estudos de canto cos mestres F. Balboa, M. Bárbara e E. Pérez Herrero, perfeccionándose posteriormente con A. Nafé, C. Subrido e o pianista acompañante M. Burgueras. Asistiu a clases maxistrais con Mariella Devia, Malcolm Martineau, Anne Murray, Gregory Kunde, Elena Lazarska, Alicia Nafé e co mestre Alberto Zedda.
Dende o seu debut como solista no ano 2006, cantou baixo a batuta de recoñecidos directores coma Josep Pons, Miguel Ángel Gómez-Martínez e Cristobal Soler, entre outros, e compartiu escenario con grandes cantantes coma Elisabete Matos, Leo Nucci, Barbara Frittoli ou Ewa Podles.
Na ópera debutou diferentes roles coma Rosina (Il barbiere di Siviglia, Rossini), Norina (Don Pasquale, Donizetti), Lauretta (Gianni Schicchi, Puccini), Anna (Nabucco, Verdi), Papagena (Die Zauberflöte, Mozart), María Soliña (María Soliña, N. Mañá), e na zarzuela coma Yolanda (La flor del agua, C. del Campo) e Marica (A Lenda de Montelongo, B. del Río). Asimesmo, no ámbito do oratorio interpretou o Gloria (Vivaldi), o Mesías (Haendel), o Requiem (Mozart) o Oratorio de Noël (C. Saint-Saëns) e Voices of Light (Einhorn).
En 2012, foi seleccionada para ofrecer o recital “As Novas Voces Galegas”, e en 2014 foi galardoada, xunto con Manuel Burgueras, co Premio da Música “Gregorio Baudot” que outorga a Sociedade Artística Ferrolana.
DANIEL LEIRO CASTRO, PIANO
Nado en Ferrol, comezou os seus estudos musicais aos 11 anos no Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño cos profesores Óscar Camacho e Genaro Fernández. En 2007 ingresou no Centro Superior de Música do País Vasco, Musikene, onde continuou os seus estudos de piano con Gustavo Díaz-Jeréz e especializouse en música de cámara con Irini Gaitani.
En 2012 ampliou os seus estudos nos Países Baixos, cun Máster en Interpretación na Codarts University for the Arts, Rotterdam, onde estudou piano con Jean-Bernard Pommier e José Núñez, e música de cámara con Sander Sittig e Bart van de Roer.
Tamén asistiu a numerosas clases maxistrais con profesores de prestixio, entre outros, con Ricardo Descalzo, Eulalia Solé, José Ramón Méndez, Ricardo Requejo ou Loïc Mallie.
Na actualidade, centra a súa actividade profesional na música de cámara e na docencia, e ten traballado con bastante frecuencia ao longo da súa carreira como pianista acompañante de coro en España e Holanda.